UXT abre unha oficina para asesorar e informar a persoas desempregadas

    VILAGARCÍA> A Unión Comarcal de UXT Pontevedra e Arousa ven de abrir en Vilagarcía unha oficina que presta apoio e asesoramento en materia laboral. O servizo é gratuíto e está orientado tanto a desempregados como a persoas con traballo. Entrou en funcionamento a pasada semana aínda que foi presentado esta mañá. Este servizo será atendido por unha técnica de emprego, de luns a venres en horario de mañá e tarde nas oficinas de UXT en Vilagarcía, na Rúa Castelao. Trátase de que as persoas en paro ou ben aquelas que queiran mellorar o seu posto de traballo, poidan obter unha mellor preparación e orientación para acadar estes obxectivos. Este servizo ponse en marcha grazas á Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, coa cofinanciación do Fondo Social Europeo. Un servizo de orientación que non substituirá senón que complementará ás aulas de formación ofrecida por este sindicato. As funcións que vai desenvolver a técnica de emprego pasan pola información e asesoramento do mercado de traballo, sobre incentivos e fomento da contratación, iniciativas emprendedoras ou orientación laboral. O servizo acolle tanto a persoas que acudan de xeito individual e o soliciten na propia oficina da UXT como a outras que veñen derivadas dos Servizos Públicos de Emprego. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/11/uxt600_111113.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/11/uxt_111113.mp4{/flowplayer}