VILAGARCÍA> Mobilizacións en Vilaxoán e Carril contra o peche das oficinas de Abanca nestas vilas. Os veciños responderon á convocatoria realizada pola CIG. Os afectados sinalan aos directivos da compañía e advirten que pecharán as súas contas correntes.
Imaxes coma estas estanse repetindo a miúdo en diferentes puntos da nosa contorna. Os veciños saen a manifestarse diante das sucursais de Abanca debido a decisión da compañía de pechar numerosas oficinas. En Vilaxoán e Carril, os veciños acudiron hoxe a unhas mobilizacións convocadas pola Cig. Néganse a ser trasladados ás sucursais de Vilagarcía.
Dende a Cig convocan estas mobilizacións para evitar os peches das sucursais, as perdas de servizos e os despidos dos traballadores.
A Cig pide ao goberno central e á Xunta que lexislen para que os banco non poidan pechar oficinas que ofrezan beneficios e que se garantan uns servizos dignos á poboación. Por parte da Asociación Esperta Vilaxoán están recollendo firmas para loitar contra este peche.
Os veciños aseguran que continuarán mobilizándose. En caso de que o traslado se confirme, ameazan con pechar as súas contas.
A situación de Carril e Vilaxoán tamén se repite noutras oficinas da nosa contorna. No Barbanza os alcaldes de Boiro e Ribeira mantiveron unha reunión con representantes de Abanca para evitar os peches das sucursais de Palmeira e Boiro.