RIBADUMIA> Ribadumia presenta a cuarta edición do mini BTT concello de Ribadumia. A proba está dirixida aos nenos e nenas máis pequenos, cuxa categoría máxima é a infantil. Agardase a participación de máis de 500 ciclistas o que supón o desprazamento de máis de 2 mil persoas a Ribadumia.
O concello de Ribadumia e o club ciclista da vila volven a camiñar xuntos, ou mellor dito nesta ocasión pedalear, para poñer en marcha a cuarta edición do mini BTT concello de Ribadumia. Unha proba que se consolida no calendario ciclista desta modalidade e que está destinada ás categorías máis pequenas.
A proba ten unha gran acollida dentro do calendario de BTT galego. Os organizadores agardan a participación de máis de 500 ciclistas e unha gran presenza de visitantes en Ribadumia.
O torneo conta coa colaboración da xunta de Galicia. Dende a administración autonómica destacan o gran traballo do club ciclista de Ribadumia, o que máis creceu en canto a inscricións durante os últimos anos.
Dende o club destacan que o principal é que os nenos e nenas se divirtan, que aprendan e que repitan participación no circuíto de Ribadumia. A proba celebrarase o vindeiro domingo 29 no campo de adestramento do club ciclista de Ribadumia en Leiro.