Pontecesures solicitará a Traballo un obradoiro de emprego

    PONTECESURES > O concello de Pontecesures solicitará á Consellería de Traballo a posta en marcha do Obradoiro de Emprego. A corporación debateu este martes en pleno o proxecto, despois de desbotar unha emenda de ACP para atrasar este trámite. A intención de Sabariz era pedir a subvención en xullo ata arranxar as instalacións que acollerán este obradoiro.

    O bipartito de Pontecesures conseguiu co apoio do PSOE aprobar o proxecto de Obradoiro de Emprego, valorado en máis de 845 mil euros. Previamente a este debate, a corporación tivo que votar unha emenda sorpresa presentada polo edil de ACP Luís Sabariz, na que propuña deixar pendente a aprobación ata que houbera consignación presupostaría e arranxar as instalacións nas que se vai levar a cabo o proxecto. Sabariz pediu ó pleno que se reservase o proxecto ata a convocatoria de xullo.

    A emenda foi rexeitada co voto de calidade do alcalde, con 5 votos a favor de ACP e PP, cinco en contra de IP e BNG e coa abstención do PSOE. O executivo local considera que as peticións de Sabariz non son máis que escusas para bloquear a posta en marcha do proxecto. A corporación debateu logo o proxecto e acordou dar luz verde ó goberno local para solicitar ante a Consellería de Traballo a subvención para este proxecto. Tamén se chegou ó compromiso de incluír nos orzamentos municipais de 2006 – 2007 unha partida de 73 mil euros correspondente á achega do concello. A Xunta podería valorar a finais de abril esta solicitude.

    Redacción Salnés