Mais de 6000 persoas visitan a 48 Exposición Nacional Canina en Fexdega

    VILAGARCÍA > A 48 Exposición Nacional Canina pechouse na penúltima fin de semana de abril no Recinto Feiral FEXDEGA, de Vilagarcía, con máis de 6000 visitantes. As finais de beleza foron as probas que espertaron maior interese, coa participación de exemplares chegados de toda a Península e tamén de Portugal.

    feiracaninafexdega_300_240406.jpgA terceira cita canina en A Maroma converteuse nun novo éxito tanto de visitantes como de participantes, superando os 800 cans inscritos no evento. Máis de 600 exemplares participaron nas finais do concurso de beleza, o evento que congregou a maior número de espectadores.

    Entre os clasificados, un pastor catalán propiedade dun veciño de Rubiáns, en Vilagarcía, conseguiu colocarse entre os nove mellores nas finais de adultos. Un can de auga español de Ferrol foi clasificado como mellor exemplar da exposición, seguido de un setter de Asturias. O club Tercans de Moaña clasificou durante a primeira xornada dous exemplares para o Campionato de España de agility e outros dous para o Campionato do mundo. A xornada inaugural contou tamén coa presencia de centos de persoas que seguiron os certames monográficos de American Stafforshire Terrier e Retreviers, as probas de agility e a exhibición de cans de trineo sobre rodas. A mostra contou cun ring principal, onde tiveron lugar os desfiles maioritarios e cinco rings secundarios, onde se disputaron as probas monográficas e as competicións previas. Tamén podía visitarse a exposición comercial, onde había productos para tódalas razas e a zona de preparación, onde se adecentaba ós animais antes de saír a desfilar.  Unha vez rematada a 48 edición da Exposición Nacional Canina, organizada pola Sociedade Galega Canina en colaboración con FEXDEGA, xa cómpre traballar no próximo evento feiral: do 12 ó 14 de maio, o recinto vilagarcián acollerá a cuarta edición do Salón Internacional de Inventos e Innovación Tecnolóxica Imaginaria 2006.

    Redacción Salnés