Os corpos da parella cesureña falecida en Sri Lanka chegarán mañá a España

PONTECESURES> Finalmente, os restos mortais da parella de Pontecesures falecida nos atentados terroristas de Sri Lanka chegarán mañá á vila. Cando menos, de cumprirse as previsións das autoridades que finalmente conseguiron axilizar os trámites de repatriación.

Os prazos acurtáronse de xeito moi importante e está previsto que os restos mortais da parella falecida nos atentados terroristas de Sri Lanka do Domingo de Pascua cheguen mañá a casa, en Pontecesures. Finalmente, as autoridades conseguiron axilizar os trámites, e é que estaba previsto que a repatriación dos corpos non fora posible ata 7 ou 9 días despois dos ataques.

Os corpos de María González e Alberto Chaves foron identificados primeiro polas tatuaxes e polos rexistros do hotel de Sri Lanka no que se hospedaban. Pero as pegadas permitiron a confirmación da súa identidade, o que acelerou as xestións. Esta noite prevese que saian do país asiático para chegar mañá pola mañá a España e, xa pola tarde, a Padrón. O sábado serán soterrados xuntos en Pontecesures.