Aparecen novos datos sobre a trama de blanqueo de Pérez Lago

    SALNÉS > Continúan as investigacións sobre a trama de blanqueo de David Pérez Lago. O fillo de Esther Lago e fillastro de Laureano Oubiña usa un entramado mercantil no que participan tres mulleres con distintas sociedades que comparten o mesmo domicilio. Un deses negocios é o concesionario Damovil, pechado hai uns meses por fraude fiscal e no que se detivo xa a varias persoas de Padrón e Catoira.

    davidlago_300_050506_1.jpgO concesionario situado en Santiago, xusto enfrente do Hipercor, foi desmantelado despois de que hai uns meses a unidade de delictos especializados e violentos da Policía Nacional e o Servizo de Vixiancia Aduaneira descubriran que formaba parte dunha rede de importanción fraudulenta de vehículos de luxo.

    Detivérase entón a 14 persoas, entre elas un catoirés M. D. de 34 anos e dúas padronesas, María del Carmen M. L. De 66 anos e María Coralia P. M. De 28 que era, ó parecer a responsable do concesionario.

    A sorpresa saltou de novo agora coa investigación da trama de David Pérez Lago, o fillastro de Oubiña ó que se implica nunha nova operación contra o narcotráfico descuberta a pasada fin de semana na Costa da Morte. Ó investiga-la trama de blanqueo do fillo de Ester Lago, aparece de novoeste concesionario, Damovil, do que sería administrador. Pero ademais del e de dúas mulleres, probablemente as padronesas detidas no seu día, aparecen nada menos que Vicente Maneiro (apreixado tamén esta fin de semana en Corcubión) e algúns dos que no seu día foron detidos pola desaparición do xoven Fernando Caldas.

    Toda unha maraña de relacións escuras nas que o vínculo parece ser sempre este xoven, David Pérez Lago, o presunto sucesor dun dos clans de narcotraficantes máis míticos da ría arousana.

    Redacción Salnés