LOUSAME> A Xunta de Galicia revogará a autorización de vertidos á mina de San Finx. Finalizado o prazo dun mes dado á empresa para atender os condicionantes da autorización, Augas de Galicia verificou nunha nova inspección que seguen sen cumprirse polo que iniciou o procedemento de revogación.
Malia que dispoñían dun mes de prazo para corrixir as deficiencias detectadas, a empresa Tungsten San Finx S.L. non foi quen de cumprir os requirimentos establecidos na autorización de vertidos outorgada o pasado mes de febreiro.
Nunha nova inspección realizada ás instalación mineira, en Lousame, a Consellería de Medio Ambiente confirmou que seguían sen cumprise as condicións establecidas, o que supón unha desatención dos requirimentos realizados dende Augas de Galicia.
Por esta razón iniciou o procedemento de revogación e comunicou a decisión á empresa que dispón dun prazo de dez días para presentar as alegacións que estime oportunas.
A autorización para a execución dunha depuradora de tratamento de augas residuais estaba condicionada ó cumprimento de 18 requisitos por parte do titular da explotación co fin de garantir a correcta xestión do vertido e as medidas para unha depuración axeitada, na súa obriga de cumprir cos obxectivos de calidade e cos dereitos de terceiros.
Con esta revogación, a administración pública vén dar a razón ás confrarías da ría de Muros – Noia e as organizacións ecoloxistas que levaban tempo denunciando irregularidades por parte da empresa.