RIBEIRA> Ribeira foi o concello máis madrugador da comarca do Barbanza en dar a benvida ó Nadal. O alumeado xa loce nas rúas do casco urbano dende esta fin de semana e está previsto acender as parroquias este venres.
Gran afluencia de público no acto de acendido do alumeado de Nadal de Ribeira. Tiña lugar na praza do concello que quedou pequena para acoller ós numerosos veciños que quixeron inaugurar estas festas. Ademais do concerto ofrecido polo grupo ribeirense ‘Leite con Galletas’ os asistentes disfrutaron dunha chocolatada con churros.
Ó remate do concerto procedeuse á inauguración do Belén situado no Malecón, acto que tamén contou con animación musical; desta volta da charanga BB+.
A animación de rúa coincidindo ademais coa celebración da campaña do Black Friday organizada pola asociación de empresarios de Ribeira derivou nun gran movemento de xente por todo o casco, que se traduciu tamén nun gran número de vendas no comercio local.











