Os veciños de Bamio apoian o trazado interior do TAV

    veciosbamio_100_080506.jpgVILAGARCÍA > Os veciños de Bamio asumen como mellor opción o trazado interior do Tren de Alta Velocidade ó seu paso por Vilagarcía. O domingo celebraron unha asamblea na que analizaron pros e contras do trazado interior e do costeiro. Aceptan a opción definitiva adoptada por Fomento pero aseguran que esixirán compensacións.

    veciosbamio1_300_080506.jpgOs veciños de Bamio decidíronse pola opción interior para o trazado ferroviario da liña de alta velocidade, ó seu paso por Vilagarcía. A asociación de veciños convocou unha asemblea este domingo para coñecer a posición da parroquia, se preferían a opción interior elixida de forma definitiva por Fomento e que sempre defendeu o Concello ou a costeira. Ó parecer, a directiva do colectivo veciñal recibira queixas en contra da opción interior pero tras un inicio de asemblea tenso acabouse asumindo este como o trazado máis beneficioso para a parroquia. A maioría considerou que a opción da costa causaría prexuízos moito máis graves nos núcleos de poboación.

    Os veciños da zona do Campanario son os que lideraron a defensa da alternativa interior como a máis idónea, e lembraron que nalgúns casos o tren podería circular a máis de 250 quilómetros por hora a tan só seis metros das súas vivendas. O que tamén pareceu convencer ós veciños é que a decisión do Ministerio de Fomento de executar a opción interior parece inamovible. Asumida esta alternativa, os veciños están de acordo en defender os seus intereses. O que máis parece preocuparlles é que a chegada do tren os deixe sen traídas de auga. Trátase de redes de subministro que están sen regularizar e temen que se los destrúen dificilmente poderán esixir ós responsables do proxecto que llos restitúan. Que se retire a actual vía e que se garanta a compensación por posibles danos son outras das súas esixencias a Fomento.

    O alcalde de Vilagarcía negouse a secunda-las peticións. Asegura Javier Gago que de xurdir algún problema, farán o posible por solucionalo pero que a política non é un intercambio de cromos e menos, cando se trata de facer unha das obras máis esperadas dos últimos anos. O alcalde negou que o concello pretenda pecha-los servizos de augas particulares e incluso se ofreceu a tramitar aqueles que no seu día non se legalizaron. Tamén negou que teñan uns cartos para face-las beirarrúas de Bamio. Recordou que esa partida é da Xunta e que o proxecto se redactou o pasado verán e está pendente de execución, algo que saben tódolos grupos políticos. De aí a acusación de que alguén aproveitou a reunión para mentirlle de xeito descarado ós veciños.

    Redacción Salnés