O incendio dunha nave en Meis deixa máis de 12 mil polos mortos

MEIS> Esta madrugada ardeu na Armenteira unha nave de explotación de polos. O incendio deixou máis de 12000 mil aves mortas. Ningunha persoa resultou ferida.

Un incendio declarado na madrugada deste venres deixou neste estado unha nave de explotación de Polos situada no concello de Meis. O suceso tivo lugar preto das 4:30 da madrugada na zona de Cabeza de Boi. Unha forte explosión espertou a propietaria que deu aviso á Garda Civil polo lume da granxa. Os axentes alertaron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia que deu avisou aos bombeiros do Salnés, aos voluntarios de Protección Civil e ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia por se fose necesaria a súa intervención.

O servizo de bombeiros actuou con celeridade para atallar as lapas e controlar o foco do incendio evitando que se propagase ao resto da nave. Os danos afectaron á primeira planta onde faleceron 12 mil polos. A rápida intervención permitiu salvar a outros 8 mil animais. Aínda así, ante o gran tamaño do incendio, os bombeiros necesitaron 3 horas para extinguir as lapas. Por sorte non houbo que lamentar danos persoais. Os bombeiros confirmaron que ademais do primeiro andar o lume tamén afectou ao tellado da nave.

A garda civil abriu unha investigación para esclarecer as causas do lume. As primeiras hipóteses indican que un curtocircuíto puido ser a orixe do fogo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí