Ribeira acollerá esta vindeira fin de semana a súa Feira do Comercio

RIBEIRA> A iniciativa, presentada esta mañá na sede da patronal local, reunirá a un total de quince expositores pertencentes a distintos microsectores do comercio. O evento conta coa colaboración do Concello.

Baixo a organización da Asociación de Empresarios de Ribeira, e coa colaboración do Concello, esta vindeira fin de semana, os días 28 e 29 de febreiro e o 1 de marzo, celebrarase a oitava edición da Feira do Comercio. O número de comercios participantes aumenta con respecto á edición anterior. Esta vez serán un total de quince pertencentes a distintos sectores como son o téxtil, o calzado ou os complementos. Outra das novidades é que a Feira terá lugar no Malecón, aproveitando a carpa instalada polo Concello para a organización do Entroido.

Precisamente dende o Concello, que colabora coa patronal local na organización da Feira con inchables e obradoiros para nenos durante os tres días, destacouse a importancia desta cita de cara a dinamización do comercio e a hostalería local.

Aproveitouse este acto para facer entrega tamén de diversos premios das últimas campañas realizadas pola Asociación, concretamente a de Nadal e a de San Valentín.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí