Durán, convencido de que o autor duns panfletos difamatorios é o mesmo que o do ataque á súa casa

VILANOVA> Hai avances na procura dos autores do ataque á casa do alcalde de Vilanova. Uns panfletos difamatorios que apareceron nos últimos días pola vila, segundo Gonzalo Durán, estreitan o cerco sobre os seus sospeitosos. O popular presentou nas últimas horas unha denuncia ante a Garda Civil pola aparición deses folletos. Ademais, aproveita para agradece-la colaboración dos veciños que se están a poñer en contacto con el para achegar información que poida resultar de utilidade para dar cos autores de todos estes feitos.

A aparición duns folletos con difamacións sobre Gonzalo Durán está dando que falar en Vilanova. Máis que polo que din, por quen pode estar detrás. O alcalde teno claro: poderían ser as mesmas persoas que atacaron a súa vivenda o ano pasado.

Nas últimas horas, o rexedor popular presentou unha denuncia ante a Garda Civil pola aparición deses panfletos. Para Durán, grazas ao seu contido, é a guinda que permite telas cousas máis claras que nunca.

Durán celebra tamén a publicación das imaxes das cámaras de seguridade da súa vivenda, nas que se ve con claridade como se produce o ataque. Malia que as forzas da orde desaconsellaban a súa difusión, o alcalde di que a resposta da veciñanza foi inmellorable.

E engade que dos socialistas de Vilanova non agarda nada. Nin tan sequera unha rectificación de Javier Dios, logo das súas declaracións nas que dicía Durán con todo isto buscaba “ir de vítima” cun afán propagandístico.

O popular confía en que o caso quede resolto axiña. Di que aínda hai “ramificacións” que aínda se están mirando, pero que en cuestión dun mes, o asunto podería quedar pechado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí