Medio Rural asina un convenio co MAPA para a rede de camiños municipais

    CONCELLOS > A Consellería do Medio Rural destinará os fondos do convenio que asinou co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación á creación da rede de camiños de 42 proxectos de concentración parcelaria. Entre os concellos que se beneficiarán desta sinatura están o de Barro, o de Ribadumia, Meis e tamén o de Cambados.

    Varios son os concellos das Comarcas do Salnés e Pontevedra que se beneficiarán do convenio asinado por Medio Rural e mailo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. 425-mil euros é o que se invertirán na creación de camiños e acondicionamento de servizos de concentracións parcelarias en Barro, Ribadumia, Meis e Cambados. Irán con cargo ó programa do MAPA de desenvolvemento rural en Galicia dos orzamentos xerais do estado para 2006.

    A inversión total en Galicia ascende a 15 millóns de euros, dos cales 3 millóns se invertirán en Pontevedra e case 4 millóns e medio irán a concellos da Coruña. A través deste convenio Medio Rural establece un marco de cooperación no que se definen as liñas xerais de colaboración técnica e financieira de especial incidencia no desenvolvemento rural. O concello de Cambados, especialmente crítico cando se anunciara a paralización de certas obras adxudicadas pola anterior consellería de agricultura en varios municipios recibirá para a rede de camiños de Vilariño unha partida de máis de 100-mil euros.

    Redacción Salnés