SANXENXO> Din que o almorzo é a comida máis importante do día. Diso sabe moito un grupo de rapaces de Sanxenxo que hoxe aprendeu a cargar ben as pilas antes de marchar para a escola. Esta mañá estiveron no Obradoiro de Hostalería do Salnés aprendendo a preparar un almorzo saudable. Aprenderon a preparar zumes, bolos caseiros e mesmo se atreveron a amasa-lo seu propio pan.
As présas nunca son boas compañeiras e, á hora do almorzo, moito menos. Para evitar caer na tentacións dos bolos industriais, esta rapazada de Sanxenxo está aprendendo hoxe a almorzar ben. Para iso, achegáronse ata o Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés, onde esta mañá organizaron un completo programa de actividades para explicarlles o que é un almorzo saudable e como poden preparalo.
A rapazada provén do CEIP Noalla-Telleiro. No centro salientan a utilidade desta actividade para concienciar, dende ben cedo, da importancia dunha boa alimentación.
A xornada que prepararon hoxe aquí foi do máis completa. Unha vez aprendida a lección puxéronse mans a obra. Aprenderon a preparar zumes, bolos caseiros e mesmo se atreveron a amasa-lo seu propio pan. Ata aprenderon a poñe-la mesa.
Esta é a primeira actividade que se fai no Obradoiro de Hostalería con rapazada dende a chegada da pandemia. Recoñecen que xa tiñan ganas de recibir de novo aos nenos.
E para este grupo foi tamén a primeira excursión a fóra do seu centro dende a chegada da covid. Sen dubida, tardarán moito en esquecer esta xornada que os achega un pouquiño máis á normalidade.