Industria participará no financiamento da reforma do mercado

    VILAGARCÍA > O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de comunicar ó alcalde de Vilagarcía que ese departamento participará no financiamento do proxecto de reforma do mercado de Vilagarcía. Nunha reunión mantida este xoves en Santiago, o alcalde entregoulle ó conselleiro un dossier no que se resumen as características do proxecto elaborado por Mercasa. O orzamento estimado desta actuación é de entre 6 e 8 millóns de euros.

    A Consellería de Industria participará no financiamento da reforma da praza de abastos de Vilagarcía. Así llo comunicou o titular deste departamento ó alcalde Javier Gago. A contía está aínda por determinar, ó igual que os prazos en que se faría efectiva. En calquera caso, o rexedor matizou que a achega non ten porque materializarse este ano, xa que a obra non empezará, como mínimo, ata 2007 e terá que ter un financiamento plurianual, ata o 2009 ou o 2010.

    O conselleiro explicou ó alcalde que aínda que este ano non se modificaron as bases polas que se rexe a concesión de axudas para mercados, a súa intención é avanzar de cara a priorizar a recuperación de edificios históricos e a mellora da competitividade, dous requisitos que cumpre o proxecto vilagarciá. Para poder levar a cabo este proxecto o alcalde agarda que outras administracións, coma a Deputación, tamén colaboren, e para iso ten solicitado unha entrevista ó presidente da Deputación, sen que por agora haxa data fixada para esa reunión.

    Gago e Blanco tamén falaron da sentencia sobre os depósitos de Ferrazo. Os dous acordaron agardar ata saber se a empresa afectada polo fallo presenta algún recurso, e que argumentos emprega. En todo caso, Javier Gago trasladoulle ó conselleiro o seu desexo de que se poida avanzar na negociación coa empresa e que o tráfico desa clase de produtos poida ir reducíndose progresivamente.

    O último asunto que se tratou na entrevista foi a posibilidade que o polígono do Pousadoiro dispoña de gas natural. O conselleiro asegurou que no prazo duns días, ofrecerá unha resposta ó alcalde.

    Redacción Salnés