Sanidade segue observando graves deficiencias na praza de abastos de Ribeira

    mercado_100_290606.jpgRIBEIRA > As reformas realizadas polo concello de Ribeira na Praza de Abastos non pasaron o exame dos técnicos de Sanidade, que se achegaron ata as instalacións para comprobar se cumprían os requisitos mínimos de hixiene e seguridade. O dictame da Xunta foi negativo posto que as instalacións municipais aínda presentan graves deficiencias polo que a Consellería de Sanidade xa abriu un expediente sancionador ó concello.

    A pesar da decisión da Xunta, o mercado municipal continuará coa súa actividade ata que non se resolva o proceso administrativo, periodo durante o cal sanidade deberá decidir se é preciso proceder ó peche das instalacións ou soamente se lle impón unha sanción económica ó concello.

    Precisamente o executivo municipal amosou o seu malestar ante a decisión da Xunta de Galicia que, polo momento, aínda non lle comunicara a apertura dun expediente sancionador á administración local. Segundo os representantes do concello, a reforma levada a cabo na praza seguiu tódalas indicacións impostas polos técnicos de Sanidade polo que non entenden o dictame negativo da Xunta. Entre as melloras levadas a cabo, nas que se investiu unha partida de 75 mil euros, procedeuse á mellora das tubaxes, instalación de pavimento antideslizante no chan, renovación das instalación eléctricas e dotación de auga quente, entre outras. Sen embargo, esta actuación non parece axustarse ás condicións impostas pola Xunta de Galicia que, en todo momento, mantivo unha estricta supervisión sobre os traballos realizados.mercado_200_290606.jpg

    Entre os traballadores do mercado existe unha gran diversidade de opinións e, mentre uns están moi satisfeitos coa reforma, outros consideran que a mellor solución é a construción dunha praza nova.

    No que todos coinciden é na necesidade de que lle permitan seguir a desenvolver o seu traballo mentres se realizan máis reformas ou se acondicionan novas instalacións posto que, de non ser así, suporía importantes perdas económicas para os traballadores.

    Redacción Barbanza