Treixadura aúna gaita e voz en ‘Unha semaniña enteira’

treixadura_100_290606.jpgVILAGARCÍA > Treixadura presentou este mércores en Vilagarcía o seu cuarto traballo discográfico, ‘Unha semaniña enteira’, no que xuntan dous elementos fundamentais da música galega, a gaita e a voz. Os gaiteiros e o orfeón que compoñen Treixadura deron boa mostra da súa calidade nesta presentación.

treixaduragaiteiros_200_290606.jpg‘Unha semaniña enteira’ é a nova criatura de Treixadura. O grupo presentou o mércores na librería Arousa de Vilagarcía o seu último disco, o terceiro dunha catriloxía en base á tradicional copla ‘Unha noite no muíño’. Un traballo no que ademais se lle dá especial protagonismo ás cantigas populares. Segundo sinalou Toniño López, tamboril de Treixadura Gaiteiros, para este disco fixeron un repaso polos coros tradicionais galegos e rescataron vellas cantigas populares, ‘un tipo de música que non temos moita oportunidade de escoitar’.

treixaduraorfeon_200_290606.jpgNeste disco, gravado a cabalo entre A Estrada e Gondomar, escoitarase non só a música das gaitas, acordeón e percusión de Treixadura Gaiteiros, senón tamén a voz dos compoñentes do Orfeón Treixadura. Xa colaboraran no anterior disco ‘Unha noite non é nada’, pero en ‘Unha semaniña máis’ convértense nos auténticos protagonistas. Toniño López lembra que as persoas que compoñen o orfeón non son profesionais, ‘fomos collendo amigos de cada casa, son xente que lles gusta moito cantar e divertirse’.

Os compoñentes de Treixadura están moi satisfeitos co resultado sonoro deste traballo, no que estiveron enfrascados desde setembro do 2005 ata xaneiro deste ano. Continúan así coa súa tarefa de facer espectáculo coa música dos gaiteiros, ademais de recuperar e actualizar pezas tradicionais.

Redacción Salnés