Os produtores de viño de Rías Baixas, preocupados polos aranceis de Trump

O SALNÉS> Preocupación no sector vitivinícola das Rías Baixas polas posibles consecuencias dos aranceis que os Estados Unidos pretenden impoñer a 1.500 produtos europeos. A medida podería poñer en perigo as exportacións dos viños da D.O. Rías Baixas a aquel país. Dende o Consello Regulador confían na capacidade de negociación de España para frea-los gravames. Consideran a medida inxusta e discriminatoria.

A guerra comercial de Trump contra a Unión Europea podería ter consecuencias na nosa economía máis próxima. O viño é un dos produtos que se podería ver máis danado pola posible aplicación dunha nova taxa do 25% se queren entrar no mercado dos Estados Unidos. Aquel país é, precisamente, o principal mercado de exportacións para os caldos da Denominación de Orixe Rías Baixas.

No sector consideran a medida inxusta e discriminatoria. Confían na capacidade de negociación de España e da Unión Europea. Entenden que o viño e o resto de sectores afectados, son as vítimas dunha guerra que non vai con eles.

Na DO advirten que as consecuencias destas medidas serían globais: afectaría ós produtores de Rías Baixas, pero tamén ós consumidores do viño nos Estados Unidos.

O Ministro de de Agricultura e Pesca e  Alimentación en funciones reunirase o vindeiro luns coas comunidades autónomas e o martes cos sectores agroalimentarios afectados.