Rematadas as obras de ampliación da EDAR de Rianxo

RIANXO> A Conselleira de Infraestruturas supervisou o resultado das obras de ampliación da depuradora de Rianxo. Ademais de multiplicar a capacidade da EDAR os traballos consistiron na instalación dun colector interceptor e un tanque de tormentas para minimizar os vertidos.

Dez anos de traballo e 14 millóns de euros permitiron culminar o proceso de renovación do sistema de saneamento e depuración en Rianxo. A Conselleira de Infraestruturas desprazouse esta mañá ata a vila barbanzá para supervisar o resultado do remate dos traballos consistentes na instalación dun colector interceptor e tanque de tormentas e a ampliación da EDAR.

Ademais de quintuplicar a capacidade de depuración a execución destes traballos permitirá reducir nun 85 por cento os vertidos en tempo de chuvias e erradicalos en tempo seco.

O alcalde agradeceu o gran esforzo inversor da Xunta neste ambicioso proxecto que permitirá dotar a Rianxo dun completo e eficaz sistema de depuración máis necesario se cabe coa próxima implantación de grandes empresas no polígono.

As obras enmárcanse no Plan de Saneamento Local da Ría de Arousa encamiñado a mellorar a calidade das augas e blindar o futuro do sector do mar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí