Os populares da provincia de Pontevedra acusan á Xunta de discriminalos

    O GROVE > Na cidade de Pontevedra, o PP apraza o nomeamento do seu candidato. Núñez Feijóo sinalou que o partido precisa de máis tempo de reflexión para poder acertar coa persoa que sexa capaz de desbancar a Fernández Lores. O presidente do PPdeG estivo esta fin de semana no Salnés, nunha xornada de traballo do PP provincial.

    Os alcaldes da provincia de Pontevedra insisten en que a Xunta os está a discriminar. Así o constataron nunha xornada de traballo que tiveron este sábado na Lanzada, coa presencia do presidente rexional Alberto Núñez Feijóo. Os populares falan de falta de respecto institucional por parte do goberno galego. Aseguran que se enteran pola prensa ou polos concelleiros da oposición de que a Xunta vai realizar algunha obra no seu concello.

    A reunión, promovida polo presidente provincial Rafael Louzán, serviu para demostrar o sentir dos alcaldes conservadores de que, salvo excepcións, a Xunta ignora as súas reclamacións. Un dos exemplos que sinalaron é o da eliminación do servizo de Pediatría no PAC de Cambados en horario nocturno sen contactar antes cos alcaldes.

    Na xuntanza, Núñez Feijóo aproveitou para presentarlle ós representantes locais a proposta do PPdeG sobre a reforma do Estatuto galego. Segundo sinalou, apostarán por un galeguismo constitucional que reivindique os sinais de identidade de Galicia.

    Redacción Salnés