‘Nova Galega de Danza’ sorprende en Boiro co seu espectáculo ‘Engado’

    BOIRO > Esta pasada fin de semana tivo lugar na Praza do Concello de Boiro a actuación da compañía Nova Galega de Danza, que presentou o seu novo espectáculo titulado ‘Engado’, que profundiza no proceso de fusión de música e danza e onde se mesturan fantasía e realidade. A función foi organizada pola Deputación Provincial da Coruña  e a entidade Caixanova, coa colaboración do propio concello boirés.

    novagalegadanza_200_110706.jpgForon moitas as persoas que se achegaron ata a Praza Galicia de Boiro para presencia-la última proposta de Nova Galega de Danza, ‘Engado’. Nesta función a compañía volve romper cos convencionalismos da danza tradicional galega sen deixar de ofrecer un espectáculo xenuinamente autóctono. Precisamente ‘Engado’ profundiza neses procesos de fusión, falando da fantasía e da realidade nas nosas vidas, é pois un espectáculo moi distinto á primeira das montaxes da compañía, ‘Alento’, co que lograron ser finalistas dos premios Max ó mellor espectáculo revelación de España. ‘Engado’ é máis íntimo, é coma un espello dos músicos e bailaríns, que crean durante os noventa minutos da actuación o mapa das súas propias ilusiones.

    Ó longo das súas coreografías os espectadores non atoparán as tópicas foliadas nin alboradas, pero sí pasos tradicionais fácilmente recoñecibles que, fusionados con outros propios do ballet contemporáneo, proporciónanlle ó baile unha dimensión única ata o de agora no panorama galaico .
    Mais sen dúbida unha das grandes aportacións de Nova Galega de Danza é a de haberse decantado, xa dende as súas orixes, pola incorporación da música en vivo no escenario.

    Neste traballo o aspecto musical cobra ademais unha importancia significativa, así bailaríns e músicos non van cada un polo seu lado, senón que son realmente un mesmo corpo, ata o punto de que os primeiros fan percusión, cos pes ou co peito, e o cantante, Xabier Díaz, introdúcese na danza nunha das coreografías, acompañando a Jaime Pablo Díaz e a Vicente Colomer, dous dos bailaríns do espectáculo xunto a Ruth Cordero, Enma Cabañas e Lilianne Frías.
    Como músicos este novo traballo conta coa presenza de Ricardo Rozas, Miguel Queijas, José Belmonte, Miguel Castro, Javier Díaz, Pedro Lamas, José Luís Romero e Suso Iglesias.

    Neste espectáculo a compañía conta coa colaboración directa do fotógrafo Vari Caramés e do modisto, Cristóbal Vidal, así como tamén da axencia de deseño gráfico ‘Des_cribir’.

    Redacción Barbanza