Presidencia subvencionará parte da débeda do concello boirés con Necso

    BOIRO > A Consellería de Presidencia vén de conceder unha subvención de 200 mil euros ó concello de Boiro que lle servirán ó executivo local para paliar parte da débeda contraída coa empresa Necso polas obras de construción da actual casa consistorial, que ascende a uns 900 mil euros.

    concelloboiro_200_110706.jpgO concello de Boiro continúa co proceso xudicial aberto hai aproximadamente máis de dous anos coa empresa Necso pola débeda contraída pola modificación do proxecto de construción da casa consistorial. Tralas diversas peticións do executivo, a Xunta de Galicia estuda o modo de financiamento deste pago pendente que ascende a máis dun millón douscentos mil euros.

    O executivo boirés está cada vez máis preto de resolver o proceso xudicial que vén mantendo coa empresa Necso, encargada da construción da casa consistorial. Actualmente atópanse abertos dous contenciosos; un por parte da empresa que lle reclama ó concello o pago das contías que aínda non foron aboadas e outro por parte do executivo municipal que sostén o incumprimento dos prazos de entrega por parte da empresa construtora.

    Neste sentido, o goberno municipal entende que a empresa ten dereito a cobra-lo pago polos traballos realizados que, daquela, ían ser financiados polo anterior goberno da Xunta de Galicia. Segundo o alcalde boirés, Xosé Deira, existía un compromiso verbal para facerse cargo da modificación do proxecto orixinal por parte da anterior Consellería de Política Territorial. Sen embargo, os representantes autonómicos negáronse a realizar o pago por non existir ningún documento acreditativo do financiamento da obra.

    Actualmente a débeda do concello boirés con Necso ascende a uns 900 mil euros, e o executivo boirés no seu empeño de chegar a unha solución definitiva do problema, está a manter diferentes contactos con varias Consellerías na procura de financiamento. Un dos últimos encontros tivo lugar co Conselleiro de Presidencia que se comprometeu a aportar uns 200 mil euros.

    Redacción Barbanza