O GROVE> O campamento Depo Aventura A Lanzada despediu as súas actividades deste verán cunha feira franca. No evento tamén se escolleu ao deseño gañador da mascota deste 2019. O campamento rematará mañá tras acoller a máis de 2200 nenos e nenas.
Nas últimas semanas os campus, campamentos e ludotecas están poñendo fin as súas actividades. Na maioría celébranse festas de despedida pero a do campamento Depo Aventura A lanzada é unha das máis peculiares, posto que pecharon o verán 2019 cunha feira franca. Os nenos e nenas demostraron as súas habilidades artísticas con diferentes actuacións. Na gala tamén se deu a coñecer o deseño de mascota gañador deste 2019 e que será a imaxe do 2020.
Polo campamento pasaron máis de 2200 nenos e nenas ao longo deste verán. Moitos deles fixeron o seu deseño de mascota de onde saíu a elixida. Dende a deputación resaltaron o traballo feito polos pequenos.
O alcalde do Grove destacou os obxectivos principais do campamento: Que os nenos e nenas gocen, vivan a natureza e fagan amigos.
Outras das actividades coas que pecharán o campamento é cunha cea na que simularán o casamento da raíña. Na cerimonia actuará o grupo gañador doutro concurso celebrado na feira franca. Unha competición na que todos demostraron ser uns grandes artistas.