Falece un operario de 36 anos ao quedar atrapado nunha máquina dun serradoiro de Tremoedo

VILANOVA> Falece un operario nun serradoiro de Tremoedo, en  Vilanova. O home quedou atrapado nunha máquina trituradora de madeira. Foron os propios compañeiros os que o liberaron. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros e efectivos sanitarios que, á súa chegada, só puideron confirmar a súa morte. A Garda Civil xa investiga os feitos.

Pasaban poucos minutos das 8 da mañá cando se producía o accidente laboral que lle custaba a vida ao operario. Os feitos tiveron lugar nesta nave da empresa Altman Forestal, situada na estrada de Deiro, próxima ao polígono de Tremoedo, en Vilanova. A vítima quedou atrapada nunha máquina trituradora de madeira situada no exterior destas instalacións.

Os seus compañeiros contactaron co 112 pedindo axuda. Ata o lugar mobilizáronse os efectivos sanitarios e tamén os Bombeiros de Ribadumia.

A vítima xa fora liberada da máquina na que quedara atrapada polos seus propios compañeiros antes da chegada dos efectivos de emerxencia. Ata o lugar tamén se desprazou a Policía Local e a Garda Civil, que agora se encarga de esclarece-lo acontecido.

A vítima era un home de 36 anos. Segundo transcendeu era natural do concello de Tomiño. De alí é tamén á súa empresa que fora contratada por Altman Forestal para facer aquí en Vilanova uns traballos.

O accidente causou unha gran conmoción nesta empresa, especializada na compra e venda de madeira.