![]()
VILAGARCÍA > Nove traballadores da empresa Vimenca de Vilagarcía denunciaron a situación extrema na que se atopan. Dende o mes de xuño non cobran o seu salario. Os empresarios deixaron de pedir material para continuar coa actividade, polo que non hai traballo nin ingresos. Pero tampouco rescinden os contratos dos traballadores, impedíndolles buscar outro emprego.
A empresa, situada no Pousadoiro, adícase á construcción de prefabricados de obra. Pero hai meses deixou de pedir material rematando a súa actividade e, por tanto, deixando de percibir ingresos.
Os empregados alegan non ser culpables da situación á que se chegou. Segundo un deles, Daniel A. Sánchez, nunca deixaron de traballar. Simplemente os xefes deixaron de ‘pedir material e de coller pedidos’, polo que pouco a pouco quedaron sen traballo e sen soldo. Os traballadores presentaron demanda no Xulgado do Social para que pedir que a empresa lles rescinda o contrato e poder ir ó desemprego. Pero solicitan tamén que se lles recoñeza a antigüidade, as categorías profesionais e as débedas que a empresa ten con eles.
A empresa débelles tódolos soldos dende xuño, ademais das pagas extra do ano pasado e deste. Incluso lle cortaron o teléfono á empresa por impago das facturas, anque os traballadores seguen acudindo cada día a face-lo seu horario e vixiar que non se expolie o que queda alí.
Son excépticos sobre unha posible recuperación da actividade anque consideran inadmisible que unha empresa que funcionaba peche por un problema, segundo din, sentimental entre os dous socios: Mari Paz Capdevila Cayón e Víctor Méndez Castro. De ningún saben nada hai semanas. Nin sequera aparecen a recolle-las cartas do Xulgado. De aí que a CIG e CC.OO. se implicasen. Primeiro foi esta denuncia pública, pero de continua-la situación non descartan outras medidas, como ir protestar ás casas dos xefes.
Redacción Salnés









