A vítima do ataque machista do Grove: ‘Por que poñen en liberdade un agresor que intentou matarme?’

O GROVE> En liberdade o home que disparou á súa muller na cabeza hai dous anos no Grove. O agresor abandonou a prisión logo de que expirase o prazo máximo de prisión preventiva sen que se celebrase aínda o xuízo.

Era o 5 de decembro de 2018. O seu excompañeiro meteuse na súa casa, agardou a que ela chegase e disparoulle dúas veces na cabeza. A vítima acabou sendo rescatada por unha fiestra e el, detido. Dende aquela permanecía na cadea. Sen aínda terse celebrado o xuízo, o agresor completou o tempo máximo de prisión preventiva e foi posto en liberdade.

Así reacciona a vítima ó coñece-la posta en liberdade do home que tentou asasinala. Asegura que non ten medo, pero recoñece que a súa vida volve pegar un cambio.

Amósase indignada coa xustiza. A vítima tivo coñecemento da posta en liberdade do seu agresor escasas horas antes de que se fixese efectiva.

Ela agora ten un dispositivo que debería garantir que o home non se lle volva achegar. O home está acusado de homicidio en grao de tentativa, quebrantamento continuado de medida cautelar e maltrato, así como violación de morada. Despois de case dous anos agardando, a vítima o único que pide é que se celebre o xuízo xa.

Segundo o auto ditado pola Audiencia Provincial de Pontevedra, a prisión provisional, aínda sen restarlle gravidade ás acusacións, non pode perseguir fins punitivos ou de anticipación da pena. Apuntan tamén que aínda non remataron as dilixencias nin a reconstrución dos feitos, o que se traduce en que polo de agora non haberá xuízo.