MUROS> Ó redor das dúas da tarde, os tres únicos detidos ata o de agora pola súa implicación no alixo de cocaína desta pasada fin de semana na Pobra, pasaban a disposición xudicial no xulgado de Muros, que é quen instrúe o caso, ó ser este xulgado onde se iniciou a investigación.
Trátase de tres varóns de nacionalidade colombiana, que ó parecer, foron os encargados de trasladar a droga ata a costa galega dende Sudamérica.
Os tres prendidos foran detidos pola Policía Local da Pobra na tarde do sábado, na zona da Virxe do Monte, cando deambulaban polo lugar desorientados, facéndose pasar por peregrinos.
Polo de agora non transcendeu nada da declaración ante o xuíz, e a investigación segue baixo segredo.
Mentres a Delegación do Goberno si confirmou que a droga comisada froito desa operación policial ascende finalmente ós 3.600 quilos.
Fontes da propia Delegación informaron tamén que polo de agora só hai tres detidos, aínda que a investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións.
En canto a como chegou esa droga á Pobra, mutismo absoluto, sen transcender, polo de agora, o medio de transporte empregado polos narcotraficantes.
As forzas da orde rastrexan estes días toda a costa barbanzá na busca desa posible embarcación que aínda non foi localizada. Todo apunta a que puidera ser novamente un ‘narcosubmarino’, que a propia organización criminal afundiu no medio da Ría, pero tampouco se desbota outra posibilidade.











