RIBEIRA> O PSOE de Ribeira levará ó vindeiro pleno unha proposta na que lle esixe ó executivo local a humanización da céntrica rúa Romero Ortiz. Os socialistas din recoller unha demanda de antigo dos veciños e residentes nesta zona.
Non é a primeira vez que os veciños da zona lle teñen solicitado ó Concello unha mellora integral deste viario e da súa contorna, mesmo algunha vez acompañada dunhas 300 sinaturas. Agora o Partido Socialista, a través do seu voceiro, José Manuel Vilas, volve a facerse eco da demanda. Ademais da súa necesidade, refírese tamén ó perigo que presenta esta vía, pola que transcorre a estrada DP-7408, xa que carece de beirarrúas nun tramo, ademais da irregularidade que conforman os saíntes das vivendas alí emprazadas. A proposta que presentan os socialistas contempla a redacción dun proxecto de humanización, baseado en lograr un conxunto harmonizado, mellorando o espazo urbano existente, dotándoo de mobilidade e accesibilidade peonil, en coherencia coa planificación urbana da cidade. Os socialistas mesmo lle din ó goberno municipal como acadar o financiamento necesario para acometer esta actuación, e propóñenlle a inclusión deste proxecto na relación de obras a presentar ó Plan Único 2019 da Deputación da Coruña, Administración ademais titular da estrada que discorre pola zona..