Noia estrea nova oficina de turismo

NOIA> A oficina de turismo noiesa xa entrou en funcionamento. E faino cambiando de emprazamento. Da praza do Concello pasa ós baixos do edificio do Casino. Estará operativa ata o 15 de setembro, de luns  a domingo, en horario de nove e media da mañá a tres da tarde.

Dende hoxe e ata o vindeiro 15 de setembro a oficina de Turismo de Noia, emprazada nos baixos do renovado edificio Casino, estará operativa. o seu horario será de luns a domingo de nove e media da mañá a tres da tarde. Durante este tempo estará atendida por dúas técnicas, unha contratada polo Concello e outra grazas a unha achega da Deputación da Coruña para este fin.

Concello e Noia Histórica aproveitaron a ocasión para presentar tamén as ‘Visitas Guiadas’. Unha iniciativa que dende hai anos vén funcionando na localidade con grande éxito e que volverá a desenvolverse a partir do próximo luns durante os meses de xullo e agosto.

O número de prazas está limitado a quince persoas, cumpríndose estritamente as medidas de protección fronte á Covid-19.  Coma novidade este ano é que pasarán a ser gratuítas. Ata o de agora tiñan un custe de dous euros, recuperables ó consumir ou mercar nos propios negocios da vila.