O Concello afonda nas necesidades dos colectivos desfavorecidos

    salomepena_taniagarcia_100_111006.jpgRIBADUMIA > O Concello de Ribadumia presenta un estudo das necesidades das mulleres, minusválidos e terceira idade.

    Transporte, información sobre as actividades, conciliación de vida laboral e familiar, e asociacionismo. Son as principais preocupacións dos colectivos da terceira idade, muller e minusválidos recollidos nun estudo polos Servizos Sociais de Ribadumia.

    O traballo foi levado a cabo pola traballadora social Tania García durante un ano. Para iso realizou enquisas a domicilio por tódalas parroquias. As principais carencias que puxeron de manifesto os tres colectivos analizados foi o problema do transporte urbano, principalmente na liña que vai ata o Hospital do Salnés. Outra das necesidades apuntadas polos tres colectivos foi mellorar a difusión das actividades, servizos e subvencións do Concello, así como a súa organización en tódalas parroquias.

    No estudo tamén se destaca o rol das mulleres como coidadoras de persoas dependentes e dos nenos, o que explica un maior índice de paro con respecto ós homes, sobre todo en mulleres de 20 a 29 anos de idade. A esto hai que engadir a preocupación do colectivo de minusválidos pola carencia de asociacións no concello, dificultades á hora de atopar traballo e barreiras arquitectónicas nos seus propios fogares.

    O Concello tomou nota e xa apuntou melloras nestes eidos. Sobre o transporte, a alcaldesa dixo que se está a traballar desde a mancomunidade do Salnés. Para paliar a falta de información indicou que se colocarán paneis informativos en cada parroquia. En canto ás mulleres, Peña lembrou servizos que xa están en marcha como a gardería, o programa de acollida, o comedor escolar, ou o programa Berenguela e prometeu seguir nesta liña. Para os minusválidos avanzou que os Servizos Sociais traballarán para crear unha asociación. Segundo indicou a alcaldesa, Salomé Peña: ‘coñecer as súas necesidades, preocupacións e carencias supón un grande paso para traballar no desenvolvemento e crecemento do noso concello’.

    Redacción Salnés