Un furtivo agrede a unha mariscadora e dáse á fuga

    evangelinalago_100_111006.jpgVILANOVA > Unha mariscadora de Vilanova foi agredida esta semana por un furtivo na praia da Morosa ….

    … Así o denunciou ante a Garda Civil a presidenta da agrupación, Evangelina Lago, ó tempo que lembra que levan días recibindo ameazas deste mesmo furtivo, coñecido como ‘o danés’, polo que reclama ás autoridades máis protección nas praias.

    ranosfurtivosvilanova_200_111006.jpgEstes aparellos foron incautados polos vixilantes e mariscadoras da Confraría de Vilanova de Arousa ós furtivos que están a saquearlles o marisco nas súas praias. Esta actividade fraudulenta está a aumentar nos últimos meses nesta zona da ría e as mariscadoras fan incluso quendas para acompañar ós 2 vixilantes da confraría.

    Na noite do pasado luns estiveron a piques de atrapar a dous furtivos, na praia da Morosa. Segundo relata Evangelina Lago, presidenta da agrupación vilanovesa, arredor das once da noite as mariscadoras foron avisadas polos vixilantes da presencia de dous furtivos, un deles coñecido como ‘o danés’. Conseguiron rodear a praia para cortarlles a saída e chamaron á Garda Civil, pero os axentes aínda tardaron un pouco en chegar. Tempo que aproveitaron os furtivos para escapar, despois de agarrar a unha mariscadora polo ombro e tirala no chan.

    ‘Nos di a Garda Civil que (o danés) é un furtivo moi perigoso’, sinala Evangelina Lago, ó tempo que lembra que ‘cando marchaba dicíalle ó compañeiro que collera a pistola e lles pegara un tiro a todos, e non sabemos se ten pistola ou non’. Por iso a presidenta das mariscadoras fai un chamamento ás autoridades para que lles poñan protección.

    Hai uns días a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, aconsellaba ás mariscadoras que non se enfrontaran ós furtivos porque eran perigosos. Evangelina Lago está de acordo pero lembra que se trata do seu pan e que están soas para velar por el. E así llo quixo deixar claro tamén ós furtivos ante as cámaras de Tele Salnés Barbanza: ‘por moito danés que sexa que saiba que dá con dúas gallegas, que van a loitar polo seu pan o que nos custe, ó igual que fai el para roubalo, igual faremos nós para defendelo’.

    Redacción Salnés