O campamento das Sinas reabre o 15 de xullo adaptándose á nova normalidade

VILANOVA> Os campamentos e albergues da Xunta de Galicia tamén se preparan para a nova normalidade. O goberno autonómico ultima a adaptación das instalacións para garantir a seguridade sanitaria durante a campaña de verán. Hoxe a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou o albergue vilanovés das Sinas.

O vindeiro 15 de xullo arrinca a campaña de verán dos campamentos xuvenís da Xunta de Galicia. A administración autonómica apura estes últimos momentos para adaptar as instalacións á nova normalidade.

Garantir o cumprimento das medidas de seguridade supuxo tamén axustar os aforos dos campamentos. A Xunta reduciu nun 50% as prazas ofertadas. Ademais, a ratio de persoal pasará a ser dun monitor por cada tres nenos, en lugar dun por cada dez rapaces como ata o de agora.

García asegurou que a seguridade está garantida. Por iso animou ás familias a inscribir aos rapaces nesta actividade.

O campamento das Sinas acollerá a semana que vén a primeira quenda de rapaces. Durante o verán serán un total de 240 de entre 13 e 17 anos os que pasen polas súas instalacións. Será en catro quendas, con 60 mozos e mozas por cada unha.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí