Consúmense máis de 180.000 racións na XLIII Festa do Marisco do Grove

    festadomarisco_100_161006.jpgO GROVE > Novo récord de visitas á festa do marisco do Grove. Rematada esta 43 edición, o concello ven de facer balance.

    Máis de 180.000 racións vendidas e máis de 800.000 euros de recadación, ademais de acadar un 100% de ocupación hoteleira. Todas estas cifras sírvenlle ó alcalde do Grove para ratifica-la consolidación da Festa do Marisco e critica-la falta de apoio da Xunta, que este ano deu menos axudas que nunca.

    Aínda así a Festa do Marisco viviu un dos seus mellores anos, só empañado polos problemas de tráfico que o concello asegura que tratará de resolver para vindeiras edicións. Por este motivo o alcalde meco insiste en que as cifras xa non son importantes na festa do marisco, e o que lles preocupa agora é mellora-la calidade do servizo.

    Polo demais as actividades paralelas á degustación gastronómica acadaron tamén boas cifras de asistencia e aceptación. Tanto os concertos, como as exposicións e as actividades deportivas rexistraron unha gran participación coa que o goberno local está moi satisfeito. Destacou especialmente o alcalde a mostra sobre toponimia que está a contar coa participación de moitos veciños e que pronto percorrerá outros puntos do municipio.

    Anque ésta é unha primeira valoración, xa que os datos exactos sobre procedencias, nivel de satisfacción, etc. coñeceranse nos vindeiros días, unha vez se recollan e estuden os resultados das enquisas que cada ano se fan nas carpas do marisco.

    Redacción Salnés