Patrimonio emite informe negativo da rehabilitación de San Francisco

    barriosanfrancisco100_090807.jpgCAMBADOS > A comisión técnica de Patrimonio Municipal, integrada por técnicos do Concello, Consellería de Cultura …

    … e Colexio de Arquitectos, emitiu un informe desfavorable sobre o proxecto de Vivenda e Solo. Indica que non se axusta ó Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico.

    A Comisión Técnica do Patrimonio Histórico Municipal de Cambados acordou informar desfavorablemente o proxecto da Consellería da Vivenda para rehabilitar o barrio de San Francisco. Na devandita comisión participan técnicos do Concello pero tamén da Consellería de Cultura e do Colexio de Arquitectos. Segundo indica o goberno local, o informe é contundente ó afirmar que o proxecto de Vivenda e Solo non se axusta ó Pepocha, Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico.

    O barrio de San Francisco está formado por cinco edificacións que inclúen 48 vivendas protexidas, construídas nos anos 50. Entre as anomalías detectadas no proxecto de Vivenda, os técnicos apuntan ó incremento do volume das edificacións, o uso de materiais non permitidos e mesmo a invasión da vía pública por escaleiras e ramplas, que impedirías a libre circulación de peóns e vehículos. Ademais, indican que as obras precisarían dunha intervención arqueolóxica, que non consta no proxecto, ó estar afectado este barrio por zonas de cautela.

    O proxecto de rehabilitación deste barrio foi presentado pola propia conselleira Teresa Táboas o pasado 20 de marzo e daquela anunciara un investimento de 1,7 millóns de euros.

    Redacción Salnés