A POBRA> O concello da Pobra convocará o premio Emprende-Co Pobra enmarcado no programa de apoio a novas aperturas comerciais. Os proxectos seleccionados contarán coa cesión dun local da bolsa de alugueiro do concello, un servizo de asesoramento técnico e unha achega económico de 10 mil euros.
Nestes tempos de fonda transformación que atravesa o comercio, o concello da Pobra volve apostar polo modelo de proximidade cun programa pioneiro de apoio a novas aperturas comerciais en colaboración coa Deputación da Coruña.
A iniciativa,en marcha dende o 2023, dá agora un novo paso adiante coa convocatoria do Premio Emprende Co-Pobra que permitirá ós gañadores contar cun local da bolsa de alugueiro do concello así como un servizo de asesoramento técnico e unha achega económica de 10 mil euros.
Para presentarse tan só é necesario ter unha idea de negocio e ganas de facela realidade. Será preciso elaborar un plan de empresa para o que o concello ofrece tamén asesoramento a través do seu espazo de traballo colaborativo integrado na rede provincial de coworking.
Malia que as bases están xa moi avanzadas, aínda non hai data para a apertura do prazo de presentación de solicitudes posto que o concello traballa aínda en fase de difusión a través dunha estratexia de captación de entidades potenciais prescritoras do proxecto.
O próximo 28 de maio terá lugar unha reunión informativa para os interesados en incorporarse á bolsa de alugueiro mentres que a principios de xuño desenvolveranse outras dúas xuntanzas para potenciais emprendedores.
Unha vez concluídas as bases do premio, daranse a coñecer os distintos prazos, coa intención de poñelo en marcha este mesmo. En principio, contémplanse dous proxectos gañadores aínda que non se descarta que outras candidaturas presentadas poidan acollerse a algunhas das liñas de axuda contempladas como a bolsa de alugueiro. O orzamento do programa ascende a 100 mil euros, dos que 20 mil son sufragados polo concello e os 80 mil restantes pola Deputación da Coruña.











