Cortan a vía autonómica do Salnés tras un derrube provocado pola chuvia

    MEIS > As intensas chuvias dos últimos días provocaron xa a primeira incidencia grave no Salnés. A vía autonómica do Salnés cedeu á altura de Meis por mor dun corremento de terras que provocou incuso unha greta no asfalto.

    gretaviarapida_300_201006.jpgA vía autonómica do Salnés cedeu pola mañá á altura de Meis por mor dun corremento de terras que provocou incuso unha greta no asfalto. Foi a propia empresa encargada do mantemento da vía quen deu a voz de alarma sobre as nove da mañá e de inmediato a Garda Civil de Tráfico procedeu a corta-la vía, desviando ós automóbiles por vías secundarias, sobre todo pola zona de Mosteiro, o que está a provocar nestas estradas tráfico intenso e algunhas colas a horas punta.

    A Garda Civil pide precaución porque a situación vai continuar nos vindeiros días, mentres se fan as obras. Os veciños da zona xa alertaban de que a situación se vía vir. Os tubos que van por debaixo da vía rápida son moi pequenos e cando chove moito a estrada convértese case nunha presa o que xa provocara a alarma dos veciños que viven máis preto.

    Tanto a Xunta de Galicia como a empresa encargada do mantemento da estrada, AUSAL, danlle a razón ós veciños, anque por outros motivos. Aseguran que os tubos que se usaron no seu día nesta obra non son os adecuados, polo que xa estaba previsto o seu cambio por outros de formigón. Ía facerse xunto coas obras de desdobre do vial pero neste caso xa se adiantaron os traballos. Os tubos atopáronse en Porriño e a media mañá xa estaban camiño de Meis polo que, se o tempo o permite, a estrada estará lista o domingo pola tarde. Dende Ausal aseguran que tamén se van revisa-lo resto de tubos da vía rápida para evitar que se repita esta situación.

    Redacción Salnés