![]()
SANTIAGO> A súa tarefa será estudar a consumidores e competidores para que os viños españois recuperen a súa hexemonía no mercado mundial.
{flowplayer}images/salnes/030209_observatorio_do_vino.flv{/flowplayer}
O Observatorio do Mercado do Viño ten a súa orixe no plan estratéxico “Viño 2010”, publicado polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño en xuño de 2007. Este organismo nace da necesidade do sector vinícola español de recuperar a súa posición dominante no mercado internacional. Para iso, o observatorio fixou como obxectivo estudar os comportamentos dos competidores e as preferencias dos consumidores para adaptar os produtos vinícolas ás demandas do mercado. Á fronte deste organismo está Rafael del Rey, ata agora director da Federación Española do Viño.
O Observatorio está concibido como unha fundación privada, aínda que nesta primeira fase de posta en marcha conta con financiamento público. A súa xerencia está en mans dun padroado composto por 23 membros, entre os que se atopan representantes de todo o sector: dende a Federación Española do Viño ata o Ministerio do Medio Rural, o ICEX, a Secretaría de Comercio, Colectivos de Adegueiros, Consellos Reguladores ou Asociacións Agrarias. Tamén forman parte do observatorio tres comunidades autónomas que irán rotando ó longo do ano e un grupo de expertos con profesionais das finanzas, do marketing ou xornalistas. Esta ferramenta chega nun momento no que o sector está pendente da aprobación por parte da Comisión Europea dunha serie de axudas para cofinanciar proxectos de promoción dos viños españois fóra da Unión Europea.
Desde o Observatorio aconsellan ás empresas, adegas e outros particulares que vaian dando forma ás súas propostas, xa que esta axuda será distribuída directamente entre os proxectos, e non adxudicados como unha cantidade fixa a cada comunidade autónoma.
Redacción Salnés








