Desartellado un importante punto de venda de droga na Pobra

POBRA> A Garda Civil detivo a un veciño da localidade por un delito de tráfico de drogas e outro de receptación de obxectos roubados. Foi no marco da denominada operación Lemafar.

A persoa prendida á que se lle acusa dun delito de tráfico de drogas e outro de receptación de obxectos roubados é un veciño da pobra de 47 anos. A Garda Civil xa lle seguía a pista dende hai tempo, pero foi esta pasada fin de semana cando se produciu a súa detención, despois de que os axentes realizaran un rexistro no seu domicilio. Nel incautáronlle unhas cincuenta doses de cocaína, seis de heroína, 1’31 gramos de marihuana, así como tamén diversos obxectos para a manipulación da droga, dous teléfonos teléfonos móbiles e uns 170 euros en metálico. A Garda Civil tamén lle requisou varias armas prohibidas, coitelos lanzadores, un machete e unha réplica dunha pistola Beretta 92 de fogueo.

Con anterioridade os axentes, durante a fase de investigación, xa lle incautaran unhas 106 doses de cocaína e tres de haxix. Durante o rexistro tamén se puido recuperar unha habitación completa que fora subtraída dun domicilio  e unha televisión de 32”.

Con esta detención a Garda Civil dá por desartellado un importante punto de venda e distribución de droga na vila. O prendido xa foi posto a disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira