O BNG incorpórase ó goberno da Pobra xunto con Nós Pobra e o PSOE

A POBRA> O BNG da Pobra entra a formar parte do goberno municipal. Os dous concelleiros nacionalistas incorpóranse ó actual executivo conformado por Nós Pobra e o PSOE. Esta mesma tarde materializouse o acordo de goberno entre as distintas formacións.

Tras meses de longas negociacións finalmente este tarde materializábase o acordo entre Nós Pobra e o BNG para que os dous concelleiros desta última formación pasen a formar parte do goberno municipal. Aínda que as conversas xa se iniciaran hai meses, a irrupción da pandemia acelerou o proceso para chegar a acordo ante a necesidade de contar cun goberno máis forte en tempos de crise.

Amparo Cerecedo ostentatará a primeira tenencia de alcaldía así como as áreas de Servizos Sociais e Desenvolvemento Local mentres que o outro edil nacionalista, Xabier Santos, asume as competencias de Mobilidade, Participación Veciñal. Normalización Lingüística e Memoria Histórica.

O alcalde manterá as competencias en Urbanismo, Obras e Réxime Interior e a Concelleira do PSOE Patricia Lojo seguirá como segunda tenente alcalde á fronte de Cultura, Sanidade e Relacións Institucionais. Charo Varela continúa como terceira tenente de alcalde e concelleira de Promoción Económica  Turismo e Facenda mentres que Genoveva Hermo seguirá como responsable das áreas de Deportes, Educación e Medio Ambiente.

José Lojo mantén tamén as competencias en Seguridade Cidadá, Mocidade e Voluntariado mentres que Estefanía Ramos mantén Servizos Municipais, Benestar Animal e asume Persoal.

A xunta de goberno local queda composta polo alcalde, Patricia Lojo, Amparo Cerecedo, Charo Varela e Genoveva Hermo. Ademais da dedicación do alcalde, establécense dúas dedicacións exclusivas; unha para a concelleira nacionalista Amparo Cerecedo e outra para Estefanía Ramos que xa contaba con ela.

As retribucións aprobaranse  no próximo pleno que se convocará con carácter extraordinario aínda que os novos edís xa comezarán a traballar nas súas áreas a partir do luns posto que o acordo non precisa do visto bo da corporación senón que se aproba por decreto de alcaldía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí