O BNG reclama para Galicia todas as competencias sobre a costa para protexer o sector mar-industria

CAMBADOS> O BNG reclama a transferencia a Galicia das competencias para a regulación e xestión do dominio público marítimo-terrestre. Nunha visita ao porto cambadés de Tragove, os nacionalistas reivindicaron tamén a necesidade de modifica-la Lei do Cambio Climático. Defenden suprimi-lo artigo 20 para que o complexo mar-industria poida seguir traballando con garantías e seguridade xurídica.

A planta de Mariscos Daporta, en Tragove, foi o escenario elixido polo BNG para reivindica-la transferencia das competencias competencias para a regulación e xestión en materia de dominio público marítimo-terrestre e de ordenación do litoral.

Entenden que só deste xeito se poderá adapta-la normativa ás necesidades e especificidades da costa galega. Reclaman unha transferencia ampla, de xestión e ordenación.

Ademais, os nacionalistas demandan modificar a Lei de Cambio Climático no seu artigo 20 para garantir a continuidade da actividade do sector mar-industria. Poñen como exemplo a situación de incertidume que se viviu neste porto de Tragove a raíz do polémico informe de Costas.

E indican que continuarán traballando na rúa e tamén no Parlamento Galego e no Congreso dos Deputados para defender un sector clave para o país que dá traballo a milleiros de persoas.

Polo que anuncian novas accións nas institucións onde teñen representación para conseguir esas transferencias e que se suprima o famoso artigo 20 da Lei de Cambio Climático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí