Vivenda deixa Solobeira e O Sixto fóra do futuro polígono de Tremoedo

    poligono_tremoedo100_271108.jpgVILANOVA > A Xunta accedeu finalmente a reducir a superficie do futuro parque empresarial de Tremoedo.

    Vivenda e Solo limita o ámbito do futuro Parque Empresarial András-Tremoedo a unha superficie de 960.000 metros cadrados, fronte ao 1,4 millóns de metros cadrados proxectados inicialmente. A Consellería considera que esta superficie é suficiente para atender a demanda prevista e, ao mesmo tempo, permite recoller as propostas dos veciños que solicitaron ao Departamento autonómico un recorte do ámbito.

    Esta decisión foi trasladada hoxe polo director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino, nun encontro celebrado na sede da Consellería cos representantes dos veciños. Pino explicou que coa redución da superficie quedan fóra do polígono os terreos de Solobeira e O Sixto, tal como solicitaban os representantes veciñais. Ademais a actuación pasará a denominarse Parque Empresarial András-Tremoedo, en atención a que unha parte significativa dos terreos se sitúan nesta localidade.

    Vivenda e Solo tamén se comprometeu a valorar a posibilidade de ampliar aínda máis a distancia entre o límite do parque e as cinco vivendas que están localizadas na periferia desta futura infraestrutura. A cuestión será abordada nun novo encontro en próximos días tras unha análise técnica detallada.

    No tocante ó tratamento da auga, Pino explicoulle ós representantes veciñais que o polígono disporá dunha depuradora propia con dobre circuíto, que permitirá distinguir entre a auga apta para consumo e a auga reciclada con destino a uso empresarial ou usos terciarios, como por exemplo rego ou limpeza.

    Redacción Salnés