As mariscadoras de Vilanova síntense ‘perseguidas’ por Pesca

    permex_100_071106.jpgVILANOVA > As mariscadoras de Vilanova recibiron, unha vez máis, a visita dos inspectores de Pesca.

    Unha sorpresa non moi agradable porque a pesares de que todo estaba en regla e non houbo ningún problema, cren que estas inspeccións responden á campaña de acoso que está levando a cabo a Consellería de Pesca contra o colectivo vilanovés.

    Na lonxa de Vilanova respirábase esta mañá o malestar pola nova inspección. Aseguran que a vixiancia sobre elas é constante pese a que nunca hai ningún problema. E tampouco hoxe o houbo. Os inspectores puideron comprobar que tódalas mariscadoras tiñan o permex e que non había producto por debaixo da talla permitida. Sen embargo a vixiancia sobre este colectivo é constante, o que provoca gran malestar xa que teñen que soportar constantes controis e sen embargo ninguén escoita as súas súplicas para aumenta-la vixiancia e evita-los problemas que lles está a causa-lo furtivismo. A presidenta das mariscadoras, Evangelina Lago, asegura que leva meses pedindo axuda á Consellería e que ninguén se da por enterado. A delegada provincial asegúralles que se fará o que se poida pero non fan nada. Sen embargo non se esquecen de pasar polas praias regularmente a vixiar o traballo das mulleres e medi-las capturas, a pesares de que nunca atopan nada irregular; hoxe tampouco.

    Permex

    A pesares de que tódalas mariscadoras tiñan o permex, algunhas non o levaban enriba para evitar extravialo, polo que tiveron que ir buscalo perdendo boa parte da xornada de traballo. Un problema que tamén provoca gran malestar entre as mariscadoras, xa que algunha que o perdeu tivo que volver paga-las taxas cando só faltaban uns días para renovalo. Dende Pesca quixeron culpar á confraría, cando, asegura Evangelina Lago, a confraría non da permex. É a delegación de Pesca en Carril quen tramita e cobra estes permisos.

    Unha das mulleres amosaba hoxe como en ocasións teñen que leva-los documentos nos lugares máis insólitos, como dentro dos pantis, amosando as dificultades que lles supón ter que levalo sempre enriba. E en Vilanova con máis motivo, porque saben que a inspección de Pesca non se esquece nunca delas. Redacción Salnés