Unha cadela morre envelenada na canceira de Cambados

    canceira_linda_morta_100_071106.jpgCAMBADOS > Os responsables da canceira atoparon unha cadela moribunda e outras dúas graves por envelenamento

    … Sospeitan dun vehículo que se achegou á unha da madrugada aínda que non se puido identificar, xa que accionou as luces largas encandeando a cámara de seguridade.

    canceira_linda_morta_200_071106.jpgUnha cadela moribunda e outras dúas con graves secuelas por envelenamento. Foi o que se atoparon esta mañá os responsables da canceira municipal de Cambados. Segundo explicou Olga Costa, ás once da mañá, unha delas, chamada Linda, xa non puido esperar ós veterinarios e sucumbía a unha longa madrugada de agonía. Un triste final para esta cócker que viña de sobrevivir ás graves feridas que lle ocasionaron hai un mes, tamén por outro acto vandálico, cando alguén introduciu cans de presa no recinto para provocar pelexas. Entón morrera outra cadela e Linda quedara gravemente ferida, e agora, case curada por completo, é envelenada. 

    canceiracambados_video_200_071106.jpgA cámara de seguridade do recinto captou un vehículo preto da entrada sobre a unha da madrugada. O coche non se pode identificar porque cando se pon fronte á cancela pon as luces largas e encandea a cámara, logo dá a volta e diríxese a un lado, quedando fóra do campo de visión da filmación. Olga Costa sospeita deste vehículo e pensa que lle tirou veleno ós cans por un lateral da canceira porque no vídeo se ven ós animais moi intranquilos e correndo cara esa beira. Sobre as catro da madrugada xa se comezan a ver as primeiras consecuencias nos animais, con espasmos e totalmente desorientados.

    canceira_lua_carol_200_071106.jpg

    Mellor sorte correron as outras dúas cadeliñas, Lúa e Carol, aínda que con secuelas. A máis pequena ten unha hemorraxia interna e a Pastor Alemán, preñada, só lle confirman vivos tres cadelos dunha camada de 9. A responsable da canceira non ocultaba a angustia que lle provoca este tipo de actos contra a vida dos animais: ‘os cans non fan dano a ninguén, o que fixeron non ten nome’. Olga Costa di que actos coma este case a obrigan a tirar a toalla.

    Na canceira de Cambados atenden arestora a 64 cans cando só teñen capacidade para cincuenta. Esto obrígalles a deixar ós máis mansos fóra das gaiolas. Levaban dous anos sen padecer ningún incidente na canceira, pero nos últimos meses xa padeceron tres asaltos, e os cadelos que andan por fóra son os que peor o levan. A Policía Local de Cambados está a investigar os feitos. Ademais Olga Costa ten previsto deixar en mans dun informático o vídeo gravado esta madrugada por se puidera identificar o coche sospeitoso.

    Redacción Salnés