Peña responsabiliza á falta de xestión do tripartito do pago á Igrexa

    RIBADUMIA> O Partido Popular de Ribadumia responde á polémica aberta estes días en relación co tanatorio. A exalcaldesa Salomé Peña nega que o concello teña que indemnizar ao Arcebispado. Explica que os 50.000 euros a pagar responden ao incumprimento do convenio asinado no 2010 polo que o concello cedía á Igrexa unha parcela a cambio da ocupada polo tanatorio. Segundo Peña, o actual goberno non fixo ningunha xestión para renovar o convenio unha vez vencido o prazo, e evitar así o pagamento. Salomé Peña recoñece que o convenio asinado coa Igrexa no 2010 para conseguir os terreos para o tanatorio recollía dúas posibilidades: ben o concello cedía outra parcela de 2.000 metros cadrados ao Arcebispado na Carballeira de Barrantes, ben pagaban o prezo da parcela. A cesión non se materializou aínda polos retrasos na urbanización do terreo da Carballeira. Por iso, para o Partido Popular de Ribadumia, que o concello teña que aboar 50.000 euros ao Arcebispado polo terreo que ocupa o tanatorio é froito da mala xestión do executivo, por non buscar unha prórroga deste convenio que, ademais, asegura que coñecían, xa que foi aprobado en pleno. Ademais de defender a súa xestión no referente ao tanatorio, os populares tamén o fixeron co proxecto das Pousadas do Salnés. O edil Luis Serantes respondeu ás críticas da presidenta provincial, que cualificaba o plan de escandaloso e cheo de irregulariedades. Dende a formación reclamaron a concello de Ribadumia e Deputación que axilicen os trámites para a posta en funcionamento da Pousada do municipio, a única do proxecto que permanece pechada.