![]()
PORTAS > Esta mediodía celebrouse un pleno ordinario en Portas, no que, entre outros puntos, se debateu a recuperación da Fonte Pública e Lavadoiro da Regueira…
…en Fontenla-Cachadas, no lugar de Lantaño. Ata o salón acudiron unha chea de veciños afectados que protestaban pola ocupación dun veciño deste espazo, que eles defenden como público. O Alcalde, Roberto Vázquez, desmentiu nesta sesión que o veciño que soterrou o lavadoiro, Ovidio Rodríguez Cascallar, dispuxese licencia municipal algunha para esta actuación, tal e como afirmara de aquela o tenente de alcalde.A única documentación que posuía este veciño, segundo Vázquez, era unha licencia de augas de Galicia xa caducada, polo que en canto el chegou, decidiu parar a obra.
A partir desta paralización, o veciño en cuestión ten un prazo de 3 meses para restituir este lavadoiro o seu estado orixinal, que conta a partir do 22 de febreiro, data de emisión do documento. Os veciños tiveron a oportunidade de intervir neste pleno para declarar que o lavadoiro non estaba nin nas propiedades de Ovidio Rodríguez Cascallar,nin estaba abandonado, tal e como argumentou esta veciña, Carmen, na solicitude do permiso ante Augas de Galicia. Outro dos veciños asegurou que xa houbera irregularidades con esta finca da Regueira desde a súa permuta inicial co Concello, na que o propietario puidera terse apropiado de ata 3 ferrados de terra colindantes.
Os membros do BNG local, que foron os encargado de presentar esta moción tamén obxectaron sobre o xeito no que se desenvolveran estas permutas que deixara unha importante incertidume sobre o propietario de cada terreo.
O Alcalde de Portas comprometeuse a visitar esta localidade para falar cos mais vellos do lugar, para que lle aclaren os lindes deste espazo e que certifiquen que o lavadoiro e a fonte son de propiedade municipal. Unha vez marcado o terreo, o alcalde vai a propiciar unhas votacións entre os veciños de Fontenla e a Torre para acordar que se vai a facer co lavadoiro. A proposta do alcalde satisfixo ós veciños que deron en aplaudir a proposta e escusaron despregar a pancarta e as mobilizacións que tiñan previstas.
Redacción Salnés








