Durán amenaza con denunciar na fiscalía á delegada da CPTOP

    gonzaloduran_100_260107.jpgVILANOVA > O alcalde está disposto a por en mans da fiscalía o asunto do campo de fútbol do Terrón

    … A primeira denuncia penal iría para a delegada provincial, pero no mesmo saco está disposto a meter á conselleira e ó propio presidente da Xunta.

    parcelacampoterron_200_260107.jpgO alcalde de Vilanova remitiu esta semana un escrito á conselleira de Política Territorial no que lle advirte que a obra do campo de fútbol do Terrón ten as mesmas características que o campo da Illa, polo que se a este Concello non lle esixen permisos por estar na liña de 200 metros afectada por Costas, tampouco llos deberían de pedir a Vilanova.

    Gonzalo Durán indica que o atraso na obra do Terrón non ten caso e que podería constituír un delicto de prevaricación. Durán sinálalle a María José Caride que isto xa llo explicou a semana pasada nun escrito á delegada provincial de Política Territorial sen recibir contestación. Daralle unha semana máis de prazo para que se desbloquee a obra do Terrón, senón avisa con levar o asunto á fiscalía. Unha medida que está disposto a tomar incluso contra a conselleira e contra o propio presidente da Xunta, se lle seguen facendo caso ó PSOE vilanovés, un dos responsables deste atranco segundo o alcalde.

    A pesar desta advertencia, Durán asegurou que non sería do seu agrado ser o primeiro alcalde en presentar unha demanda penal contra unha conselleira pero cre que non lle vai quedar máis remedio, ‘e non é por non avisar’, engadiu o rexedor.

    Redacción Salnés