Medio Ambiente non permitirá a instalación de máis industrias en Couso

    manueltajesaguio_100_260107.jpgRIBEIRA > O Delegado da Consellería de Medio Ambiente mantivo unha xuntanza con responsables da Asociación de Veciños ‘Ardora’ de Aguiño.

    A presidenta da Asociación de Veciños ‘Ardora’ de Aguiño, Dolores Pérez, transmitiulle ó Delegado Provincial de Medio Ambiente, Manuel Tajes, algúns dos principais problemas medioambientais que presenta actualmente a parroquia e que xa foron denunciados en numerosas ocasións no concello sen que polo de agora se lle dera unha solución satisfactoria. Un dos principais asuntos que preocupan ós veciños desta parroquia ribeiresa é a situación na que se atopa actualmente a fábrica de fariñas de pescados e aceites existente na zona de Couso, xa que son habituais as queixas dos veciños polos continuos cheiros e os vertidos existentes.

    Durante a xuntanza o responsable da Consellería de Medio Ambiente informoulle ós veciños da política que se está a levar a cabo actualmente dende a Xunta para prohibir o asentamento deste tipo de industrias nas zonas de gran valor medioambiental e paisaxístico, optando porque sexan instaladas en polígonos industriais.

    Dolores Pérez entregoulle tamén Delegado Provincial de Medio Ambiente diversa documentación, así como artigos de prensa recompilados nos últimos anos, para tratar que a Consellería lle busque unha solución definitiva a este problema.

    A presidenta do colectivo veciñal tamén lle expuxo outras solicitudes referidas a distintos temas entre eles a futura ubicación da depuradora municipal prevista para esta parroquia.

    Acompañando a Manuel Tajes a esta xuntanza atopábanse tamén o deputado do PsdeG-PSOE, Xosé Manuel Lage, e o portavoz socialista na corporación municipal, Xosé Vicente Domínguez.

    Redacción Barbanza