Caldas de Reis quere ser concello piloto de sostebilidade integrada

    emiliofdeztorxeralsosteb_100_020207.jpgCALDAS DE REIS > Caldas aspira a converterse en núcleo de sostebilidade integrada, para seguir co apoio ó Medio Ambiente.

    O programa ‘Concello piloto de sustentabilidade integrada’ é un novo proxecto posto en marcha pola Xunta de Galicia para conseguir que tódolos concellos e a poboación se impliquen neste concepto de sostebilidade, no que a nosa comunidade vai á cola dos países desenvolvidos.

    En principio hai sete zonas que servirán de exemplo ó resto para ir aplicando os diversos programas, entre elas Muros, Poio e Barro. Caldas aspira a integrarse na segunda fase que se pon en marcha agora e que podería comezar a funcionar a mediados de ano, tal e como anunciou esta mañá Emilio Fernández, director xeral de Desenvolvemento Sostible.

    O programa implicaría a toda a poboación en materias como boas prácticas ambientais, consumo racional de auga ou temas relacionados co cambio climático. O presuposto inicial é de 400.000 euros anque hai posibilidade de acadar financiamento para proxectos concretos.

    Pero para ser concello piloto, hai que pasa-lo filtro formado por Medio Ambiente e a Fegamp e ademais debe habe-lo apoio do pleno da corporación. Un apoio co que espera contar o alcalde, Juan Manuel Rey, que xa se puxo en contacto cos grupos da oposición e espera poder aproba-lo asunto a vindeira semana.

    Redacción Salnés