A feira das oportunidades Expobaixas inaugura este venres a IV edición

    PONTEVEDRA > O recinto feiral de Pontevedra acolle desde este venres, e por cuarto ano consecutivo, EXPOBAIXAS, a feira das oportunidades. Do mesmo xeito que en edicións anteriores a finalidade é a de dar saída ós stocks dos comerciantes…

    … como acción complementaria ó periodo de rebaixas. A presentación desta cuarta edición correu a cargo de Teresa Casal, en representación do Concello de Pontevedra, e Ernesto Filgueira, presidente do Centro Comercial Urbán da cidade, ámbalas dúas, entidades organizadoras desta feira. A inauguración da feira está prevista para este vindeiro venres, e permanecerá aberta ata o domingo, en horario continuado de 11 da mañá a 9 da noite.

    Entre os participantes, 65 en total, destaca a aposta polo comercio de Pontevedra cidade, que representa casi a terceira parte do total, seguido pola presenza de expositores dos arredores como Vilagarcía, Vigo, Marín, Redondela ou Sanxenxo, así coma algúns das outras provincias galegas e unha pequena mostra de fóra de Galicia.

    Moda e complementos

    Os sectores de venda están encabezados principalmente pola moda téxtil; a zapatería e os complementos do vestir; e os deportes, aínda que están presentes tamén outros coma o fogar e a alimentación. Este ano refórzanse os servizos complementarios coma o bar, o caixeiro e a gardería, nun esforzo máis por dotar a esta feira da calidade da que ven facendo gala dende a súa primeira edición, en 2004.

    Redacción Salnés